martes, 26 de maio de 2020

Acceso á EASD Pablo Picasso

Como moitos de vós estades preguntando polo acceso á Escola de Artes, chamei á escola e respostaron que hai que estar visitando a súa páxina web, onde colgarán os prazos no seu momento. Como datas aproximadas/probables déronme as seguintes (pero avisando de que poden incluso retrasarse):
Preinscrición: mediados de xuño
Probas de acceso: finais de xuño/primeiros de xullo
Matrícula: finais de xullo

E aquí tedes un exemplo de proba específica de acceso
E máis información sobre aspectos que poden ser do voso interese(FAQ)

ATENCIÓN:
Faremos unha clase de preparación da proba (parte práctica) na aula de DEA o martes 16 de xuño ás 13:00h.   
2ª clase: xoves 18 ás 11:30 na aula de DEA.

luns, 27 de abril de 2020

Exame da 3ª Avaliación (MODIFICADO)

En resposta a algunhas dúbidas relacionadas coa cualificación do Sketchbook, notas, etc. vou tratar de aclarar cómo están as cousas a día de hoxe:
Recibidas instrucións por parte da Consellería (27/04/20), que poderán variar según a evolución da pandemia. De momento, na materia de DEAII:

No caso de que voltemos ás aulas este curso (vexo certas posibilidades en canto ao alumnado de 2º BAC):
- 1º Exame: Haberá un exame de 3ª avaliación de carboncillo en DINA2 para todos
- 2º Exame: Os que estades facendo un sketchbook entregarédelo e os que non, exame presencial tipo proba ABAU. DINA3

No caso de que non teñamos máis clase presencial:
A nota final será o resultado de calcular unha media entre a 1ª e 2ª avaliación modificada (para ben*) polos traballos entregados neste período de confinamento.
*Os que teñan aprobadas a 1ª e a 2ª Avaliación, poderán ver a súa nota final baixar se non entregaron os traballos da 3ª, pero non suspenderán.

Eu vou corrixindo todo o que me enviades, pero non envío notas soltas porque aínda non sei cómo será a ponderación final. Entendo que pode haber preocupación ao non saber as notas, así que en canto teña corrixido o traballo 20 (ilustración) de todos comezarei a enviar comentarios por correo electrónico. Irei escribindo a cada un en orde de grupo e lista de clase así que -por favor-tede paciencia os do final.

Non se fará exame a distancia. Os traballos entregados na 3ª avaliación poderán modificar para ben a nota final. Asemade, o sketchbook tamén servirá para subir a nota final, do seguinte modo:
- Non cumpre os requisitos iniciais =non a sube
- Cumpre os requisitos pero é moi frouxo (pouca o ningunha experimentación, calidade baixa dos debuxos, etc...)  = sube a nota ata 0,25
- Sketchbook correcto = +0.5
- Sketchbook moi bo/ excelente = sube a nota ata 1 punto.

En canto aos alumnos que non están apuntados no proxecto sketchbook, aínda teñen tempo para sumarse e facer un diario de cuarentena debuxado, un cómic, un libro intervido con debuxos (todo válido para subir nota, claro)... Déixome sorprender pola vosa creatividade!
Un saúdo e ánimo, Chic@s






Entrega do SKETCHBOOK

Aquí tedes un vídeo de exemplo para a entrega do sketchbook. Lembrade as instrucións iniciais deste proxecto. En resumo:
- 80 páxinas debuxadas (como mínimo)
- Exploración de técnicas
- Maioría dos debuxos do natural
- Vídeo de arredor de 2 minutos (3' máximo)
- Incluíde explicación de técnicas, gamas cromáticas, influencias, etc (tamén aspectos subxectivos: aprendizaxe, evolución, reaccións externas...)
Compartide comigo por Drive ou enviade ao meu gmail

Data de entrega: Desde hoxe ata o 22 de maio. ATENCIÓN: Esta é a nova data de entrega atendendo á petición do alumnado. Se algún/ha alumno/a xa entregou o seu sketchbook e quere volver a entregalo con máis debuxos, debe avisar por correo electrónico para proceder á eliminación da primeira entrega e da nota correspondente.

luns, 13 de abril de 2020

Traballo 20. Introdución á Ilustración e práctica

Introdución á ILUSTRACIÓN

O seguinte tema que imos tratar é o da Ilustración. Tedes aquí unha introdución teórica e dous traballos, un teórico e outro práctico. Entregaránse xuntos e o prazo para facelo todo e de dúas semanas.
Para comezar, quero que vexades a información que atoparedes nos seguintes enlaces:


E para ver variedade de técnicas e ampliar coñecementos (en inglés):

A continuación, facedes unha visita aos traballos de algúns ilustradores de todo o mundo:
e a outros do ámbito galego, que podemos atopar na páxina da AGPI (Asociación Galega de Profesionais da Ilustración)

Práctica: Traballo 20
Estudar parte da obra de cinco ilustradores, usando os enlaces que tedes a continuación, e facer unha análise das características do seu estilo* por escrito, chega cunha extersión de 1 folio en total: 10 / 15 liñas por ilustrador.
*(das obras aquí expostas xa que, como moitos outros artistas, traballan en diferentes estilos ou series ao longo da súa carreira ou según o proxecto que estén a desenvolver)
Aquí tedes un listado dos aspectos que podedes comentar (non é necesario que se inclúan todos en cada comentario, só según sexa pertinente):
  • Uso da liña: tipo de liña, importancia da mesma nas ilustracións, material, síntese, estilo (xeométricas, orgánicas, realistas... )
  • Uso da cor: gamas de cores, aplicación realista ou non da cor, tratamento colorista, sobrio, características...
  • Técnica (tinta, óleo, rotuladores, grafito, dixital, collage, mixta...)
  • Estilo (realista, pop, infantil...)
  • Temática
  • Composición
  • Textura, profundidade, valoración...
  • Simbolismo das imaxes
  • Influencia de estilos artísticos/artistas
E, por último, debedes elixir a un/unha dos ilustradores dados e retratar a un/ha amigo/a ou familiar (tamén vale autorretrato) empregando os recursos propios do ilustrador.  Neste caso obviamente traballaredes de foto, e teredes que presentar a foto xunto co debuxo.

Formato: DINA3 (se é posible). Técnica: A máis axeitada dependendo do artista elixido e das posibilidades que teñades en canto a material.
Entrega límite: luns 27 de abril

As dúbidas que podan ir xurdindo, preguntádesmas no meu correo mariaalvarez67@gmail.com, e tratarei de irlles dando resposta neste blog (supoño que moitas se repetirán e creo que é un método máis cómodo)
En canto aos traballos 18 e 19, xa están corrixidos os 51 que recibín, pero aínda non decidín o mellor método para darvos as calificacións, xa que quero engadir comentarios de cada traballo.Subirei fotos dos traballos ao blog proximamente.

luns, 30 de marzo de 2020

Resposta a dúbidas que van xurdindo nesta etapa de confinamento

Hola a todas e todos, antes de nada, espero que vós e as vosas familias estén ben.
Agora, imos ao tema: estou recibindo moitos correos cos traballos feitos, avaliareinos o mellor que poda, dadas as circustancias, pero supoño que sabedes que a Consellería deu ordes de seguir coas clases telemáticamente e 2º Bac é o único curso de momento no que os profesores debemos avaliar o voso traballo para darvos unha nota final. Algúns de vós estades a comentarme prolemas e dúbidas, así que intentarei ilas resolvendo nesta entrada do blog, que irei actualizando según xurdan outras novas.

1. Non teño material para facer as acuarelas
Estamos nunha circunstancia excepcional, así que é entendible que algúns no teñades material. As acuarelas imaxino que sí, pero se non tedes papel de acuarela buscade unha alternativa: A parte de atrás de outros traballos, cartulina, sketchbook, folios... Eu cambiarei a orde dos contidos para poder traballar baixo mínimos.
2. Estou enferma/o
O prioritario agora é coidarse (non o usedes como truco porque o que non facedes agora teredes que facelo para a recuperación). Eu mesma levo seis días con febre e baixei moito o ritmo de traballo. As datas de entrega, que antes eran fixas, agora teñen certa flexibilidade, prefiro que as fagades con calma a que entreguedes unha chapuza feita con agobio, así que podedes contar coa semana enteira para entregar, até o venres.
3. Teño moito traballo de outras materias
As materias que van a ABAU teñen prioridade nestas circunstancias, aínda que DEAII terá unha nota que fará media coas demáis. Seguiremos traballando, pero baixando un pouco o ritmo.
4. Non me entran os comentarios neste Blog
Xa me dixeron varios alumnos que non entraban ou que eu non contestaba, É certo, vou variar a configuración a ver se vai mellor, pero os mails entran inmediatamente no meu móbil e se teño que dar unha resposta común fareino nesta entrada.
Un saúdo e sede prudentes, esta pandemia necesita un esforzo colectivo.
5. Que imos facer co sketchbook? 
O ideal sería corrixilo en directo, pero se vemos que a primeiros de maio non confirman unha volta ás aulas de 2º Bac antes do remate de curso (o máis probable) indicareivos cómo entregalo a distancia. Teño que facer algunha proba, pero seguramente pedireivos un vídeo curto pasando vós mesmos as páxinas para compartirlo comigo por Drive.

mércores, 25 de marzo de 2020

ENTREGA DE TRABALLOS POR CORREO

Debido á extensión do Estado de Alarma, a entrega dos traballos 18 e 19 terá que facerse por correo electrónico. Teredes que enviar unha foto de cada debuxo nun mesmo correo á miña conta de Gmail ou escanealo con Google Drive se preferides:
mariaalvarez@iesadormideras.es
A data de entrega segue a ser o 30 de marzo
Estoume poñendo ao día co uso das Aulas Virtuais por se nos resultase máis útil como canle de comunicación, xa vos avisarei se hai cambios.

Chéganos unha oferta de cursos online gratuítos para estudantes de 1º e 2º de bacharelato. Son para programar videoxogos e animación 2D/3D. Deixo aquí o enlace por se algún de vós está interesada/o.


domingo, 22 de marzo de 2020

Traballo 19. Prácticas de acuarela do natural e na casa

Esta semana deberíamos estar practicando o debuxo do natural coas nosas acuarelas nos arredores do Instituto. Como non pode ser, teremos que facelo do "natural" que nos rodea. O Traballo 19, para esta semana, consiste en facer tres acuarelas do natural:
- Unha dun bodegón -froitas, tazas, botellas, etc - e cunha técnica clásica (só acuarela, sen liñas a tinta)
- Outra, a vista desde un lugar da casa que permita ver o exterior con contornos de tinta (exemplo abaixo: vista desde o meu sofá)
- Outra libre, pode tamén ser un apunte rápido.
Lembrade que se debuxades a tinta antes de dar a cor haberá que asegurarse de que esta é waterproof para evitar manchas ao engadir a acuarela.
Teredes que empregar papel de acuarela, non é necesario que sexa un formato grande (entre DINA5 e DINA4, é dicir: o lado menor da folla medirá como mínimo 15cm e o maior como máximo 30cm).

Estas tres non se farán no Sketchbook e OXALÁ sexa posible entregalas en man o vindeiro luns 30 de marzo. Se non o é xa vos indicarei cómo entregalas de xeito virtual.
Déixovos aquí o enlace a PINTEREST para que botedes un ollo antes de facer o traballo.

Todos os que estades no proxecto Sketchbook aproveitade para practicar debuxando as cousas que vos rodean e escribide as sensacións e pensamentos que vos rondan (coidade a tipografía e o aspecto da parte escrita), ésta é unha situación sen precedentes e o debuxo e a escritura dan unha vía de escape ao desacougo. Coidádevos moito!!!

Engado aquí algúns dos mellores debuxos entregados:






























luns, 16 de marzo de 2020

Recuperación de Avaliacións suspensas

Para recuperar a 1ª e/ou 2ª Avaliación haberá que entregar os traballos non entregados ou cunha nota inferior ao 5 na semana do 20 ao 24 de abril. Os que teñan suspenso pola nota dos exames terán que presentarse ao exame final de curso (figura a carboncillo en DINA2) nas datas que fixe o centro máis adiante.
Aquí tedes a táboa co alumnado que debe recuperar algunha avaliación:

Traballo Voluntario. Certame Hábitat 2020

Como xa coñecedes a mecánica do Certame Hábitat, colgo aquí as Bases do concurso deste ano 2020. Non é obrigatorio, pero quen queira participar, presentará cando nos reincorporemos ás clases normais (e antes do 30 de abril) un mínimo de dous debuxos a DINA4 e en técnica libre. Na materia de DEAII poderá supor unha puntuación extra para a 3ª Avaliación de 1 punto (máximo 0,5 puntos cada debuxo).

luns, 9 de marzo de 2020

Traballo 18. Prácticas de acuarela

En 2 DINA4 (ou 1 DINA3), reproduce a 1ª e 2ª acuarelas o máis fielmente posible, deixando un espazo branco arredor do debuxo e pinceladas da paleta empregada. Data de entrega: Luns, 16 de marzo AVISO: A entrega queda aprazada para o día 30 pola suspensión de clases decretada polo Goberno
Déixovos aquí uns "trucos" básicos para a acuarela.