sábado, 18 de novembro de 2023

Traballo 7. Retrato co estilo de Schiele

 

Primeiro, estuda a obra de Egon Schiele, especialmente os seus debuxos. Analiza o tipo de liña que emprega, as cores elixidas e a aplicación das mesmas, a composición dentro do papel, a actitude dos retratados...

Aquí tes algúns enlaces para axudarche:

WikiArt
Complete Works

Despois: En DINA3 e no soporte apropiado para a técnica que elixas, fai un retrato dun compañeiro ou compañeira de clase (de DEAII, para que eu sexa quen de ver o parecido), ou un autorretrato se prefires, empregando unha ou varias das seguintes técnicas: grafito, carboncillo, lapis de cor (pode ser acuarelable), rotuladores, acuarela e témpera. Usa como inspiración os debuxos de Schiele, non as pinturas (ten que haber predominio da liña sobre a mancha de cor). Data de entrega: luns, 4 de decembro.
ATENCIÓN: O traballo poderá entregarse o luns 11 de decembro pola ausencia da profesora por enfermidade

Deixo aquí o tipo de debuxos aos que me refiro:








martes, 14 de novembro de 2023

Traballo 6. Debuxo a tramas con tinta


Haberá que entregar dúas prácticas de liña a tinta (boli, plumilla, pluma, rotulador...) en formato DINA3. Data de entrega: Luns, 27 de novembro.

Na primeira lámina, hai que dividir a superficie en catro recadros iguais que haberá que sombrear a base de raiados a man alzada, con liñas rectas e paralelas entre si. No primeiro recadro as paralelas irán nunha única dirección, no segundo haberá paralelas en dúas direccións, no terceiro en tres, e no cuarto, en catro. As liñas (en cada dirección) cubrirán o recadro por completo (e, loxicamente, os recadros quedarán máis escuros canto máis cerca se debuxen as liñas entre si e cantas máis liñas se crucen para formar a trama).

Na segunda lámina DINA3, en tinta tamén, hai que facer un debuxo libre (bodegón, retrato, paisaxe...) onde o claroscuro sexa resolto a base de tramas de liñas paralelas entre si, como as practicadas na lámina primeira.

Aquí tedes algúns exemplos por se axudan a aclarar o exercicio:
 
 
 










E se quedades con ganas de máis liña, aconsello a seguinte práctica (non obrigatoria, pero si moi aconsellable) para practicar diferentes tipos de tramas a liña:

luns, 13 de novembro de 2023

Traballo 5. Interpretación dunha obra

 


Interpreta a obra de Jean Auguste Dominique Ingres "A Gran Odalisca" en DINA3 e técnica libre.

* Traballado con Paula

EXEMPLO da interpretación nun curso anterior do "Retrato dunha dama" de Grien (o primeiro cadro)














Traballo 4. Debuxo analítico / debuxo sintético

 

Elabora un bodegón con tres ou catro elementos da cociña (cacharros e/ou alimentos). Nun DINA3, usa unha metade para facer un debuxo realista a grafito (traballa con atención a composición, a perspectiva e a valoración do claroscuro). Na outra metade fai unha síntese a tinta (boli, rotulador, plumilla ou pincel) do mesmo bodegón: emprega o menor número de liñas posible para facer recoñecible a imaxe, pero atendendo á expresividade das mesmas. Repite o exercicio noutro DINA3 empregando un punto de vista máis elevado (en total, entregaredes dous DINA3)

* Traballado con Paula

Aquí tedes algúns exemplos: