domingo, 24 de decembro de 2023

Traballo 9. Perspectiva cónica oblícua

Practica a perspectiva cónica oblícua seguindo os titoriais que tes a continuación e presenta as dúas casas nun único DINA3 (ou cada casa nun DINA4, o que prefiras). A cor pode ser a acuarela, rotulador ou lápis de cor.

casa3

casa4

Entrega: na primeira clase á volta das vacacións de Nadal (8 de xaneiro, ou 9 no caso de 2ºD)

martes, 5 de decembro de 2023

Programación Didáctica de Debuxo Artístico 2023-24. Criterios de cualificación e recuperación

Criterios de cualificación:


CUALIFICACIÓN POR AVALIACIÓN:
O grao de consecución dos criterios de avaliación das distintas unidades da materia establecerase a través de entregas de traballos prácticos, dos que o alumnado coñecerá os indicadores de logro mediante rúbricas e comentarios orais, así como de probas prácticas, cualificándose a nota do seguinte xeito:

• prácticas e propostas creativas: 50%
• exames prácticos: 50%


É importante que se cumpran as instrucións dadas polo profesorado en canto a formato, técnicas, materiais, etc., e que as prácticas e propostas creativas sexan entregadas nas datas indicadas, xa que iso será tido en conta á hora da consecución dos indicadores de logro.
Indicadores de logro e peso aproximado na avaliación:
• Analiza a figura, encaixa e organiza o espazo de forma correcta: 30%
• Aplica correctamente os elementos da expresión gráfica (claroscuro, textura, forma, cor...): 30%
• Experimenta adecuadamente cos instrumentos de debuxo logrando un xesto espontáneo e persoal: 20%
• Acaba e presenta correctamente o traballo, tendo en conta a limpeza, claridade e orde: 10%
• Adecúase ás instrucións e condicións postas polo profesor e sigue un proceso de traballo organizado, ben distribuído no tempo: 10%

NOTA DA AVALIACIÓN:
A nota que aparecerá no boletín de cada avaliación corresponderase co redondeo por truncamento da nota obtida tras a ponderación das probas prácticas e traballos, isto é, despreciar a parte decimal da nota e quedarse únicamente
coa parte enteira.

CUALIFICACIÓN FINAL:
A nota final consistirá nunha media ponderada, na que o peso da avaliación final é o maior. Isto débese a que hai contidos que se tratan só nunha avaliación e outros que se tratan de contidos progresivos, que van acadándose en maior medida segundo avanza o curso.
A nota final consistirá nunha media ponderada tendo en conta a nota de cada avaliación previa ó redondeo por truncamento. Na nota final redondearase de xeito que se o decimal chega a 5, subirá ao seguinte número enteiro.

Peso de cada avaliación na ponderación final:
• 1ª avaliación: 20%
• 2ª avaliación: 35%
• 3ª avaliación: 45%Criterios de recuperación:

REPETICIÓN DE PROBAS E TRABALLOS:
Para poder recuperar as notas da 1ª e 2ª avaliación, realizaranse recuperacións nas datas indicadas do terceiro trimestre. Repetiranse tamén os traballos prácticos indicados. Para o cálculo da media, a nota dos traballos e probas repetidas substituirán ás anteriores.
PROBA FINAL:
Se o resultado desta avaliación é inferior a 5, o alumnado deberá presentarse a unha proba final, que se cualificará segundo os seguintes instrumentos e ponderación sobre a nota total:
- Proba práctica: 100%
Indicadores de logro e peso aproximado na cualificación:
- Analiza a figura, encaixa e organiza o espazo de forma correcta. 30%
- Aplica correctamente os elementos formais (clarescuro, cor, textura, forma...). 30%
- Experimenta adecuadamente cos instrumentos de debuxo. 20%
- Acaba e presenta correctamente o traballo, tendo en conta a limpeza, claridade e orde. 10%
- Adecúase ás instrucións e condicións postas polo profesor e sigue un proceso de traballo organizado, ben distribuído no tempo. 10%
AVALIACIÓN EXTRAORDINARIA:
Unha vez rematada a avaliación ordinaria, o alumnado que non supere a materia deberá poderá presentarse a unha proba de avaliación extraordinaria. 

• Proba práctica: 100%

luns, 4 de decembro de 2023

Traballo 8. Cartel para o Acuario

Despois da vosa recente visita ao Acuario, debedes enviar un pdf á aula virtual coas fotos dos bocetos que fixestes alí. Ademais, faredes un cartel en DINA3, coa técnica que elixades, imaxinando que será empregado para conmemorar un evento do Acuario. Mellor se é só imaxe, pero se queredes incluír texto deberá ser curto e cun tratamento artístico (tipografía coidada, equilibrada, etc.)

Novas datas de entrega: Data límite para os bocetos o 11 de decembro. Cartel: 18 de decembro na aula (excepto 2ºD, como sempre, que entregará na 1ª clase que teñen na semana: martes 19 de decembro)




 Achego aquí algúns dos vosos traballos:

























sábado, 18 de novembro de 2023

Traballo 7. Retrato co estilo de Schiele

 

Primeiro, estuda a obra de Egon Schiele, especialmente os seus debuxos. Analiza o tipo de liña que emprega, as cores elixidas e a aplicación das mesmas, a composición dentro do papel, a actitude dos retratados...

Aquí tes algúns enlaces para axudarche:

WikiArt
Complete Works

Despois: En DINA3 e no soporte apropiado para a técnica que elixas, fai un retrato dun compañeiro ou compañeira de clase (de DEAII, para que eu sexa quen de ver o parecido), ou un autorretrato se prefires, empregando unha ou varias das seguintes técnicas: grafito, carboncillo, lapis de cor (pode ser acuarelable), rotuladores, acuarela e témpera. Usa como inspiración os debuxos de Schiele, non as pinturas (ten que haber predominio da liña sobre a mancha de cor). Data de entrega: luns, 4 de decembro.
ATENCIÓN: O traballo poderá entregarse o luns 11 de decembro pola ausencia da profesora por enfermidade

Deixo aquí o tipo de debuxos aos que me refiro:








martes, 14 de novembro de 2023

Traballo 6. Debuxo a tramas con tinta


Haberá que entregar dúas prácticas de liña a tinta (boli, plumilla, pluma, rotulador...) en formato DINA3. Data de entrega: Luns, 27 de novembro.

Na primeira lámina, hai que dividir a superficie en catro recadros iguais que haberá que sombrear a base de raiados a man alzada, con liñas rectas e paralelas entre si. No primeiro recadro as paralelas irán nunha única dirección, no segundo haberá paralelas en dúas direccións, no terceiro en tres, e no cuarto, en catro. As liñas (en cada dirección) cubrirán o recadro por completo (e, loxicamente, os recadros quedarán máis escuros canto máis cerca se debuxen as liñas entre si e cantas máis liñas se crucen para formar a trama).

Na segunda lámina DINA3, en tinta tamén, hai que facer un debuxo libre (bodegón, retrato, paisaxe...) onde o claroscuro sexa resolto a base de tramas de liñas paralelas entre si, como as practicadas na lámina primeira.

Aquí tedes algúns exemplos por se axudan a aclarar o exercicio:
 
 
 










E se quedades con ganas de máis liña, aconsello a seguinte práctica (non obrigatoria, pero si moi aconsellable) para practicar diferentes tipos de tramas a liña:

luns, 13 de novembro de 2023

Traballo 5. Interpretación dunha obra

 


Interpreta a obra de Jean Auguste Dominique Ingres "A Gran Odalisca" en DINA3 e técnica libre.

* Traballado con Paula

EXEMPLO da interpretación nun curso anterior do "Retrato dunha dama" de Grien (o primeiro cadro)