Cinco debuxos realistas a grafito en DINA4: tres debuxos da man que non empreguedes para debuxar en posicións de plano (palma ou dorso) puño e escorzo e dous debuxos do voso pé en dúas posicións diferentes. Os debuxos da man deben ser DO NATURAL (non de foto). Para os pés pódese usar a fotografía, se é imprescindible.
Data de entrega: Luns, 11 de xaneiro.
DEAII. Contidos educativos e traballos de práctica para a materia de Debuxo Artístico de 2º de Bacharelato de Artes do IES Plurilingüe Adormideras.
luns, 14 de decembro de 2020
Traballo de Nadal. Mans e pés
Traballo 8. Interpretación
PAU 2003. Setembro. Opción 2. Nun DINA3 e con técnica libre, realizar unha composición interpretando gráficamente o texto seguinte:
"Pouco a pouco a primavera deu paso ós días longos, calorosos e cegadores do verán; as cigarras, renxentes e excitadas polo cambio, facían tremer a illa enteira cos seus berros. No campo comezaba a encherse o millo, os sedosos pelos do millo pasaban do castaño ao loiro; cando rasgando a envoltura de follas cravabas o dente nas ringleiras de grans nacarados, un zume coma leite saltábache á boca"Gerald Durrell "A miña familia e outros animais"
mércores, 9 de decembro de 2020
Proxecto "Sketchbook" de participación voluntaria
("Sketch":Boceto, bosquexo, debuxo exploratorio)
Este proxecto desenvolverase ao longo do curso e consistirá na elaboración dun caderno de apuntes de -polo menos- cuarenta follas, nun formato que rondará o DINA5 (pode ser cadrado, apaisado ou vertical), e con papel axeitado para soportar augada (gramaxe de 170 ou máis).
Datas de entrega:
08/02/21: 28 páxinas rematadas
Ao longo do curso, irase enchendo de debuxos. As técnicas serán variadas, empregando polo menos as seguintes: debuxo a lapis, tinta (boli de xel), acuarela, tinta con augada e collage (poderanse combinar entre elas). Seguindo as normas dos Urban Sketchers, os debuxos serán (a maioría) do natural, indicando lugar e data en cada un.
O ideal sería que houbese un debuxo diario, pero en todo caso farase un cada dous días. A data de comezo será como moi tarde o 14 de decembro, e servirá como traballo cualificable, na 2ª avaliación substituirá a un dos traballos (a profesora indicará a cal). Na terceira avaliación entregarase (19-20 de abril) con 66 páxinas (mínimo) rematadas e servirá como unha das notas de exame.
As primeiras páxinas do sketchbook recollerán -a modo de glosario- debuxos das ferramentas e materiais empregados no libro. Valorarase a experimentación, a variedade temática, a calidade do debuxo e a evolución ao longo das páxinas. Aquí tedes un enlace a máis debuxos do grupo USK_España



martes, 1 de decembro de 2020
Traballo 7. Liñas e tramas
Haberá que entregar dúas prácticas de liña a tinta (boli, plumilla, pluma, rotulador...) en formato DINA3. Data de entrega: Mércores, 9 de decembro.
Na primeira lámina, hai que dividir a superficie en catro recadros iguais que haberá que sombrear a base de raiados a man alzada, con liñas rectas e paralelas entre si. No primeiro recadro as paralelas irán nunha única dirección, no segundo haberá paralelas en dúas direccións, no terceiro en tres, e no cuarto, en catro. As liñas (en cada dirección) cubrirán o recadro por completo (e, loxicamente, os recadros quedarán máis escuros cantas máis liñas se crucen para formar a trama).
Aquí tedes algúns exemplos por se axudan a aclarar o exercicio:
E se quedades con ganas de máis liña, aconsello a seguinte práctica (non obrigatoria, pero si moi aconsellable) para practicar diferentes tipos de tramas a liña: