venres, 26 de abril de 2019

Traballo 16. Deseño de Mural para o Ximnasio

Como último traballo do curso, entregareivos o luns un croquis da parede do fondo do ximnasio onde queremos facer un mural. Os requisitos son os seguintes:
  • O deseño definitivo farase sobre a fotocopia entregada (ou reprodución da mesma)
  • Empregaranse cores planas
  • O estilo inspirarase na obra de Keith Haring (ou outro artista moi similar)
  • Obviamente, pintarase só sobre a parede visible e a unha altura que non supere os tres metros e medio (detrás das colchonetas poderá quedar parte do mural)
  • O tema será a actividade deportiva e deberá ter continuidade en toda a parede.
  • Material: calquera cor que sexa plana e opaca (témperas, tintas, rotuladores, acrílico, lápis de cores...)
  • Data de entrega: retrasada ao venres 10 de maio
O plano é o seguinte:

luns, 1 de abril de 2019

Traballo 15. Prácticas de acuarela 1 e 2

En 2 DINA4 (ou 1 DINA3), reproduce a 1ª e 2ª acuarelas o máis fielmente posible, deixando un espazo branco arredor do debuxo e pinceladas da paleta empregada. Data de entrega: venres 5 de abril


venres, 29 de marzo de 2019

Traballo 14. Presentación oral

Preparar unha presentación acerca dun ilustrador que che interese:

  • Amosar entre 6 e 10 traballos seus (traelos nun pen drive, listos para proxectar, como imaxes soltas ou nunha presentación)
  • Oralmente, facer unha introdución biográfica e profesional
  • Explicar os rasgos estilísticos propios dos seus traballos*
  • Respostar ás preguntas que se fagan durante a presentación 
*Aquí tedes un listado dos aspectos que podedes comentar:

  • Uso da liña: tipo de liña, importancia da mesma nas ilustracións, material, síntese, estilo (xeométricas, orgánicas, realistas... )
  • Uso da cor: gamas de cores, aplicación realista ou non da cor, tratamento colorista, sobrio, características...
  • Técnica (tinta, óleo, rotuladores, grafito, dixital, collage, mixta...)
  • Estilo (realista, pop, infantil...)
  • Temática
  • Composición
  • Textura, profundidade, valoración...
  • Simbolismo das imaxes
  • Influencia de estilos artísticos/artistas

Comezarán as presentacións na aula o martes 30 de abril

venres, 22 de marzo de 2019

Traballo 13. Probas de acuarela

PROBAS DE ACUARELA. En papel de acuarela, facer as seguintes prácticas:


Formato: 1 DINA3 ou 2 DINA4 (papel de acuarela). As probas guiadas son as que aparecen aquí arriba (DINA4) con outro formato igual faranse as nove probas libres. ENTREGA: Venres, 29 de marzo

Traballo 12.Exploración do baleiro na acuarela

Nun papel de acuarela DINA4 representar unha paisaxe que sexa un refuxio emocional. Elixir conscientemente as zonas que se deixarán en branco, como representación gráfica do baleiro. Técnica: acuarela. Pódense usar as cores que se queiran. Entrega o mércores 27.

mércores, 13 de marzo de 2019

Traballo 11. Introdución á acuarela

Neste traballo, que corresponde á Unidade Didáctica desenvolvida pola profesora en prácticas, Verónica, teredes que:

Partindo dunha mancha azarosa de acuarela construír unha imaxe figurativa tendo en conta os aspectos básicos da formación da imaxe (coherencia compositiva, harmonía, integración figura-fondo...). Potenciar a experimentación antes que a busca dun resultado preconcebido. Haberá que documentar o proceso fotográficamente e entregar as fotos na carpeta da profesora:
veronica.fachal.1303@gmail.com

DINA4. Acuarela. Data de entrega: 15 de marzo (se se fixese folga, o 14), excepto no caso de 2ºE, que entregarán o 20 de marzo.

xoves, 10 de xaneiro de 2019

Traballo 10. Interpretación con liñas

Con técnica libre* (e en DINA3) realizar unha interpretación da obra de CANALETTO (Giovanni Antonio Canal), c.1723-1724: Piazza San Marco. Óleo sobre tea, 141,5 x 204,5 cm. Museo Thyssen-Bornemisza, Madrid.
(Exame PAU 2015. Xuño. Opción B)

Data de entrega:  Venres 18 / 01 / 19

* Como base da interpretación partiremos dunha estrutura liñal, documentándonos sobre a obra da pintora portuguesa Vieira da Silva.








martes, 8 de xaneiro de 2019

Perspectiva cónica intuitiva para debuxo artístico

Para repasar un pouquiño a aplicación da perspectiva cónica ao debuxo artístico, deixo aquí algúns enlaces interesantes:

Cónica frontal (un punto de fuga)

Cónica oblícua (dous puntos de fuga)





xoves, 20 de decembro de 2018

T9. Traballo de Nadal (liñas e tramas)

Haberá que entregar dúas prácticas de liña a tinta (boli, plumilla, pluma, rotulador...) en formato DINA3. Data de entrega: Venres, 11 de xaneiro.

Na primeira lámina, hai que dividir a superficie en catro recadros iguais que haberá que sombrear a base de raiados a man alzada, con liñas rectas e paralelas entre si. No primeiro recadro as paralelas irán nunha única dirección, no segundo haberá paralelas en dúas direccións, no terceiro en tres, e no cuarto, en catro. As liñas (en cada dirección) cubrirán o recadro por completo (e, loxicamente, os recadros quedarán máis escuros cantas máis liñas se crucen para formar a trama).
Na segunda lámina DINA3, en tinta tamén, hai que facer un debuxo libre (bodegón, retrato, paisaxe...) onde o claroscuro sexa resolto a base de tramas de liñas paralelas entre si, como as practicadas na lámina primeira.

Aquí tedes algúns exemplos por se axudan a aclarar o exercicio:




E se quedades con ganas de máis liña, aconsello a seguinte práctica (non obrigatoria, pero si moi aconsellable) para practicar diferentes tipos de tramas a liña: