DEAII. Contidos educativos e traballos de práctica para a materia de Debuxo Artístico de 2º de Bacharelato de Artes do IES Plurilingüe Adormideras.
mércores, 9 de decembro de 2020
Proxecto "Sketchbook" de participación voluntaria
("Sketch":Boceto, bosquexo, debuxo exploratorio)
Este proxecto desenvolverase ao longo do curso e consistirá na elaboración dun caderno de apuntes de -polo menos- cuarenta follas, nun formato que rondará o DINA5 (pode ser cadrado, apaisado ou vertical), e con papel axeitado para soportar augada (gramaxe de 170 ou máis).
Datas de entrega:
08/02/21: 28 páxinas rematadas
Ao longo do curso, irase enchendo de debuxos. As técnicas serán variadas, empregando polo menos as seguintes: debuxo a lapis, tinta (boli de xel), acuarela, tinta con augada e collage (poderanse combinar entre elas). Seguindo as normas dos Urban Sketchers, os debuxos serán (a maioría) do natural, indicando lugar e data en cada un.
O ideal sería que houbese un debuxo diario, pero en todo caso farase un cada dous días. A data de comezo será como moi tarde o 14 de decembro, e servirá como traballo cualificable, na 2ª avaliación substituirá a un dos traballos (a profesora indicará a cal). Na terceira avaliación entregarase (19-20 de abril) con 66 páxinas (mínimo) rematadas e servirá como unha das notas de exame.
As primeiras páxinas do sketchbook recollerán -a modo de glosario- debuxos das ferramentas e materiais empregados no libro. Valorarase a experimentación, a variedade temática, a calidade do debuxo e a evolución ao longo das páxinas. Aquí tedes un enlace a máis debuxos do grupo USK_España


martes, 1 de decembro de 2020
Traballo 7. Liñas e tramas
Haberá que entregar dúas prácticas de liña a tinta (boli, plumilla, pluma, rotulador...) en formato DINA3. Data de entrega: Mércores, 9 de decembro.
Na primeira lámina, hai que dividir a superficie en catro recadros iguais que haberá que sombrear a base de raiados a man alzada, con liñas rectas e paralelas entre si. No primeiro recadro as paralelas irán nunha única dirección, no segundo haberá paralelas en dúas direccións, no terceiro en tres, e no cuarto, en catro. As liñas (en cada dirección) cubrirán o recadro por completo (e, loxicamente, os recadros quedarán máis escuros cantas máis liñas se crucen para formar a trama).
Aquí tedes algúns exemplos por se axudan a aclarar o exercicio:
E se quedades con ganas de máis liña, aconsello a seguinte práctica (non obrigatoria, pero si moi aconsellable) para practicar diferentes tipos de tramas a liña:
domingo, 15 de novembro de 2020
TRABALLO 6. Práctica de perspectiva
Debuxa unha vivenda minimalista empregando unha perspectiva cónica de dous puntos de fuga. Consulta antes a entrada anterior sobre perspectiva cónica e traballa seguindo as directrices dos videos de exemplo (casa 1, casa 2, casa 3) pero facendo o teu propio deseño. A casa debe ter como mínimo tres das seguintes condicións: dúas alturas - varias árbores da mesma altura en perspectiva - porta - dúas ventás/cristaleiras - garaxe
Emprega lapis duro para os trazos iniciais. O debuxo final poderá entregarse en B/N a lapis (ou/e tinta) ou a cor (totalmente ou con algúns toques). Tamaño: DINA3. Data límite de entrega: 27 de novembro.
Neste enlace tedes algunhas casas de exemplo.
PERSPECTIVA CÓNICA DE UN E DOUS PUNTOS DE FUGA
Para repasar un pouquiño a aplicación da perspectiva cónica ao debuxo artístico, deixo aquí algúns enlaces interesantes:
CÓNICA FRONTAL (un punto de fuga)
Paisaxe con vía tren
CÓNICA OBLÍCUA (dous puntos de fuga)
venres, 13 de novembro de 2020
venres, 30 de outubro de 2020
Traballo 5. Debuxo Analítico / Síntese
Traballo 5: Elabora un bodegón con tres ou catro elementos da cociña (cacharros e/ou alimentos). Nun DINA3, usa unha metade para facer un debuxo realista a grafito (traballa con atención a composición, a perspectiva e a valoración do claroscuro). Na outra metade fai unha síntese a tinta (boli, rotulador, plumilla ou pincel) do mesmo bodegón: emprega o menor número de liñas posible para facer recoñecible a imaxe, pero atendendo á expresividade das mesmas. Repite o exercicio noutro DINA3 empregando un punto de vista máis elevado (en total, entregaredes dous DINA3)
Data de entrega: Luns 16 de novembro.





















