martes, 28 de outubro de 2025

Traballo 8_Tramas a tinta

 

Haberá que entregar dúas prácticas de liña a tinta (boli, plumilla, pluma, rotulador...) en formato DINA3. Data de entrega: Luns 1 de decembro.

Na primeira lámina, hai que dividir a superficie en catro recadros iguais que haberá que sombrear a base de raiados a man alzada, con liñas rectas e paralelas entre si. No primeiro recadro as paralelas irán nunha única dirección, no segundo haberá paralelas en dúas direccións, no terceiro en tres, e no cuarto, en catro. As liñas (en cada dirección) cubrirán o recadro por completo (e, loxicamente, os recadros quedarán máis escuros canto máis cerca se debuxen as liñas entre si e cantas máis liñas se crucen para formar a trama).

Na segunda lámina DINA3, en tinta tamén, hai que facer un debuxo libre (bodegón, retrato, paisaxe...) onde o claroscuro sexa resolto a base de tramas de liñas paralelas entre si, como as practicadas na lámina primeira.

Aquí tedes algúns exemplos por se axudan a aclarar o exercicio:
 
 
 










E se quedades con ganas de máis liña, aconsello a seguinte práctica (non obrigatoria, pero si moi aconsellable) para practicar diferentes tipos de tramas a liña:

luns, 13 de outubro de 2025

Traballo 7. Interpretación dunha obra

Interpreta a obra de Jean Auguste Dominique Ingres "A Gran Odalisca" en DINA3 e técnica libre. ATENCIÓN: Cambio da data de entrega: Calquera día entre o luns 10 e o venres 14 de novembro.

EXEMPLO da interpretación nun curso anterior do "Retrato dunha dama" de Grien (o primeiro cadro)












 

Traballo 6. Retrato á maneira de Egon Schiele

Primeiro, estuda a obra de Egon Schiele, especialmente os seus debuxos. Analiza o tipo de liña que emprega, as cores elixidas e a aplicación das mesmas, a composición dentro do papel, a actitude dos retratados...

Aquí tes algúns enlaces para axudarche:

WikiArt
Pinterest
Complete Works

Despois: En DINA3, fai un retrato dun compañeiro ou compañeira de clase (de DEAII, para que eu sexa quen de ver o parecido), ou un autorretrato se prefires, empregando unha ou varias das seguintes técnicas: grafito, carboncillo, lapis de cor (pode ser acuarelable), rotuladores, acuarela e témpera. Usa como inspiración os debuxos de Schiele, non as pinturas (ten que haber predominio da liña sobre a mancha de cor). Data de entrega: martes 4 e mércores 5 de novembro (no primeiro día de clase que teñades).

Deixo aquí o tipo de debuxos aos que me refiro:








xoves, 2 de outubro de 2025

Traballo 5. Para a cama!

A tinta (con augadas para traballar o claroscuro) emprega un DINA3 para representar, nunha metade, a apariencia da tua cama. Na outra metade, debuxa cinco obxectos que te acompañen cando chega a hora de ir para a cama.

Data de entrega: Luns 20 e martes 21 de outubro.
Aquí hai uns exemplos de traballos anteriores:














 

Traballo 4. Torso a carboncillo feito na aula


Este traballo en DINA 2 é feito na aula durante cinco sesións, comezando o luns 13 de outubro.