martes, 23 de setembro de 2025

Traballo 3. Debuxo analítico / Debuxo sintético

 

Elabora un bodegón con tres ou catro elementos da cociña (cacharros e/ou alimentos). Nun DINA3, usa unha metade para facer un debuxo realista a grafito (traballa con atención a composición, a perspectiva e a valoración do claroscuro). Na outra metade fai unha síntese a tinta (boli, rotulador, plumilla ou pincel) do mesmo bodegón: emprega o menor número de liñas posible para facer recoñecible a imaxe, pero atendendo á expresividade das mesmas. Repite o exercicio noutro DINA3 empregando un punto de vista máis elevado (en total, entregaredes dous DINA3)

Data de entrega: 6 de outubro

Aquí tedes algúns exemplos:









Proxecto Sketchbook (de participación voluntaria)

 

 ("Sketch":Boceto, bosquexo, debuxo exploratorio)


Este proxecto desenvolverase ao longo do curso e consistirá na elaboración dun caderno de apuntes de -polo menos- cuarenta follas, nun formato que rondará o DINA5 (pode ser cadrado, apaisado ou vertical), e con papel axeitado para soportar augada (gramaxe de 160 ou máis).


Datas de entrega: 15 de decembro: 35 páxinas rematadas

2ª Entrega: 16 de marzo: 80 páxinas rematadas


Ao longo do curso, irase enchendo de debuxos. As técnicas serán variadas, empregando polo menos as seguintes: debuxo a lapis, tinta (boli de xel), acuarela, tinta con augada e collage (poderanse combinar entre elas). Seguindo as normas dos Urban Sketchers, os debuxos serán (a maioría) do natural, indicando lugar e data en cada un.
O ideal sería que houbese un debuxo diario, pero en todo caso farase un cada dous días. A data de comezo será o 1 de outubro, e servirá como traballo cualificable, na 2ª avaliación substituirá a un dos traballos. Na terceira avaliación entregarase  con 80 páxinas (mínimo) rematadas e poderá substituír unha das notas de exame. 
As primeiras páxinas do sketchbook recollerán -a modo de glosario- debuxos das ferramentas e materiais empregados no libro. Valorarase a experimentación, a variedade temática, a calidade do debuxo e a evolución ao longo das páxinas. Aquí tedes un enlace a máis debuxos do grupo USK_España



 

martes, 2 de setembro de 2025

Traballo 2_ XIII Certame de debuxo de natureza Hábitat

 

Como práctica de cor, vas realizar un debuxo (ou máis de un se queres) seguindo as instrucións do XIII Certame do Grupo Naturalista Hábitat. 

Tamaño DINA4. Entrega: 29 de setembro. Técnica libre (pero recoméndase empregar lápis de cor ou lápis de cor acuarelable).


Aquí tes as Bases do Certame e lembra que se queres participar realmente no certame terás que inscribirte online no seguinte ENLACE

Para facilitar o traballo poño aquí o listado de especies a elixir:

  1. Amieiro (Alnus glutinosa)

  2. Anémona dos bosques (Anemonoides nemorosa)

  3. Malvela (Glechoma hederacea)

  4. Crista de galo grande (Serapias cordigera)

  5. Cantarela (Cantharellus cibarius)

  6. Verdiña de ollos brancos (Callophrys rubi)

  7. Esfinxe abellón (Hemaris fuciformis)

  8. Abella lonxicorne (Eucera longicornis)

  9. Patexa branca (Platycnemis latipes)

  10. Escaravello escuálido (Tropinota squalida)

  11. Cicindela común (Cicindela campestris)

  12. Ra de santo Antón (Hyla molleri)

  13. Víbora de Seoane (Vipera seoanei)

  14. Anduriña de cu branco (Delichon urbicum)

  15. Picapau grande (Dendrocopos major)

  16. Corzo (Capreolus capreolus)

    Algúns exemplos de debuxos de cursos anteriores:


















Traballo 1. Nove obxectos a grafito

 

Debuxa nove obxectos cotiáns de xeito realista nun DINA3 a grafito, prestando especial atención á valoración de luces e sombras. Coida tamén a composición e a limpeza da lámina. 

Entrega: 22 de setembro (foto na AV e en papel na clase)

A continuación podes ver algúns exemplos de traballos de alumnado de anos anteriores:












Benvida ao curso 2025 / 2026

 

Benvid@s á clase de Debuxo Artístico II. 

Neste blog iredes atopando a información necesaria para non perderse nada do que fagamos no curso. Ademais do que fagamos na clase, case sempre haberá un novo traballo semanal, que teredes que entregar o luns  seguinte. So se recollerán os traballos máis tarde con xustificación oficial (sen ela, haberá redución de nota). Lembrade que para comezar teredes que traer un bloc de esbozo DINA3 e se todavía tedes o bloc DINA4 de DEAI, tamén.  Comezaremos empregando lapis de grafito blando (de 4B en adiante).