luns, 4 de novembro de 2024

Traballo 7. Tramas a tinta

Haberá que entregar dúas prácticas de liña a tinta (boli, plumilla, pluma, rotulador...) en formato DINA3. Data de entrega: Luns 25 / martes 26 de novembro.

Na primeira lámina, hai que dividir a superficie en catro recadros iguais que haberá que sombrear a base de raiados a man alzada, con liñas rectas e paralelas entre si. No primeiro recadro as paralelas irán nunha única dirección, no segundo haberá paralelas en dúas direccións, no terceiro en tres, e no cuarto, en catro. As liñas (en cada dirección) cubrirán o recadro por completo (e, loxicamente, os recadros quedarán máis escuros canto máis cerca se debuxen as liñas entre si e cantas máis liñas se crucen para formar a trama).

Na segunda lámina DINA3, en tinta tamén, hai que facer un debuxo libre (bodegón, retrato, paisaxe...) onde o claroscuro sexa resolto a base de tramas de liñas paralelas entre si, como as practicadas na lámina primeira.

Aquí tedes algúns exemplos por se axudan a aclarar o exercicio:
 
 
 










E se quedades con ganas de máis liña, aconsello a seguinte práctica (non obrigatoria, pero si moi aconsellable) para practicar diferentes tipos de tramas a liña:

mércores, 16 de outubro de 2024

Traballo 6 _ Interpretación dunha obra

Interpreta a obra de Piero Della Francesca "Díptico dos Duques de Urbino" (temple sobre tabla, 1472) en DINA3 e Técnica libre. Entrega o luns 4 e martes 5 de novembro. No seguinte enlace podedes ver exemplos de traballos de interpretación doutros anos.

 

Traballo 5. Para a cama!

A tinta (con augadas para traballar o claroscuro) emprega un DINA3 para representar, nunha metade, a apariencia da tua cama. Na outra metade, debuxa cinco obxectos que te acompañen cando chega a hora de ir para a cama.

Data de entrega: Luns 28 e martes 29 de outubro.
Aquí hai uns exemplos de traballos anteriores:
















Traballo 4. Torso a carboncillo feito na aula

 Este traballo en DINA 2 é feito na aula durante seis sesións.

mércores, 25 de setembro de 2024

Traballo 3. Debuxo analítico / Debuxo sintético

Elabora un bodegón con tres ou catro elementos da cociña (cacharros e/ou alimentos). Nun DINA3, usa unha metade para facer un debuxo realista a grafito (traballa con atención a composición, a perspectiva e a valoración do claroscuro). Na outra metade fai unha síntese a tinta (boli, rotulador, plumilla ou pincel) do mesmo bodegón: emprega o menor número de liñas posible para facer recoñecible a imaxe, pero atendendo á expresividade das mesmas. Repite o exercicio noutro DINA3 empregando un punto de vista máis elevado (en total, entregaredes dous DINA3)

Data de entrega: 14 / 15 de outubro

Aquí tedes algúns exemplos:









domingo, 22 de setembro de 2024

"Proxecto Sketchbook" de participación voluntaria

 

 ("Sketch":Boceto, bosquexo, debuxo exploratorio)


Este proxecto desenvolverase ao longo do curso e consistirá na elaboración dun caderno de apuntes de -polo menos- cuarenta follas, nun formato que rondará o DINA5 (pode ser cadrado, apaisado ou vertical), e con papel axeitado para soportar augada (gramaxe de 160 ou máis).


Datas de entrega: 9 - 10 de decembro: 35 páxinas rematadas

2ª Entrega: 17 - 18 de marzo: 80 páxinas rematadas


Ao longo do curso, irase enchendo de debuxos. As técnicas serán variadas, empregando polo menos as seguintes: debuxo a lapis, tinta (boli de xel), acuarela, tinta con augada e collage (poderanse combinar entre elas). Seguindo as normas dos Urban Sketchers, os debuxos serán (a maioría) do natural, indicando lugar e data en cada un.
O ideal sería que houbese un debuxo diario, pero en todo caso farase un cada dous días. A data de comezo será o 1 de outubro, e servirá como traballo cualificable, na 2ª avaliación substituirá a un dos traballos. Na terceira avaliación entregarase  con 80 páxinas (mínimo) rematadas e poderá substituír unha das notas de exame. 
As primeiras páxinas do sketchbook recollerán -a modo de glosario- debuxos das ferramentas e materiais empregados no libro. Valorarase a experimentación, a variedade temática, a calidade do debuxo e a evolución ao longo das páxinas. Aquí tedes un enlace a máis debuxos do grupo USK_España



 

mércores, 11 de setembro de 2024

Traballo 2 _ Certame Hábitat

Como práctica de cor, vas realizar un debuxo (ou máis de un se queres) seguindo as instrucións do Certame do Grupo Naturalista Hábitat. 

Tamaño DINA4. Entrega o luns 30/09 ou martes1/10 (1ª clase da semana). Técnica libre (pero recoméndase empregar lápis de cor ou lápis de cor acuarelable).

Aquí tes as Bases do Certame e lembra que se queres participar realmente no certame terás que inscribirte online no seguinte ENLACE

Para facilitar o traballo poño aquí o listado de especies a elixir:

  1. Paxara (Aglais io)

  2. Caracoleiro espiñento (Cychrus spinicollis)

  3. Lique de barba (Usnea hirta)

  4. Loureiro (Laurus nobilis)

  5. Morcego de ferradura pequeno (Rhinolophus hipposideros)

  6. Pato chupón europeo (Aythya ferina)

  7. Píllara dourada europea (Pluvialis apricaria)

  8. Tordo real (Turdus pilaris)

  9. Úbalo común (Spinus spinus)

  10. Bufo pequeno (Asio otus)

  11. Armiño (Mustela erminea)

  12. Furafollas pequeno (Sorex minutus)

  13. Ra vermella (Rana parvipalmata)

  14. Marteliños (Narcissus cyclamineus)

  15. Violeta brava (Viola riviniana)

  16. Abruñeiro (Prunus spinosa)

    Algúns exemplos de debuxos de cursos anteriores: