mércores, 21 de decembro de 2022

Traballo de Nadal (9). Mans e pés

 

Cinco debuxos realistas a grafito en DINA4: tres debuxos da man que non empreguedes para debuxar en posicións de plano (palma ou dorso) puño e escorzo e dous debuxos do voso pé en dúas posicións diferentes. Os debuxos da man deben ser DO NATURAL (non de foto). Para os pés pódese usar a fotografía, se é imprescindible. Cada un dos debuxos ocupará un formato DINA4 completo (unha man nun DinA4, outra noutro...etc)
Data de entrega: Martes, 10 de xaneiro. 

Boas vacacións a todas e todos!!!

luns, 12 de decembro de 2022

Traballo 8. Casa en perspectiva cónica oblicua

 

Debuxa unha vivenda minimalista empregando unha perspectiva cónica de dous puntos de fuga. Consulta antes a entrada anterior sobre perspectiva cónica e traballa seguindo as directrices dos videos de exemplo (casa 1, casa 2 ...) pero facendo o teu propio deseño. A casa debe ter como mínimo catro das seguintes condicións: dúas alturas - varias árbores/arbustos da mesma altura en perspectiva - porta - dúas ventás/cristaleiras - garaxe - piscina.

Emprega lapis duro para os trazos iniciais. O debuxo final poderá entregarse en B/N a lapis (ou/e tinta) ou a cor (totalmente ou con algúns toques). Tamaño: DINA3. Data de entrega: 10 de xaneiro.

Neste enlace tedes algunhas casas de exemplo.

Perspectiva cónica

 

Para repasar un pouquiño a aplicación da perspectiva cónica ao debuxo artístico, deixo aquí algúns enlaces interesantes:


CÓNICA FRONTAL (un punto de fuga)

Pasillo instituto

Casa 

Habitación

Paisaxe con vía tren

CÓNICA OBLÍCUA (dous puntos de fuga) 

Edificio

Casa 1

Casa 2 

Casa 3

Casa 4

mércores, 23 de novembro de 2022

Traballo 7. Retrato co estilo de Schiele

 

Primeiro, estuda a obra de Egon Schiele, especialmente os seus debuxos. Analiza o tipo de liña que emprega, as cores elixidas e a aplicación das mesmas, a composición dentro do papel, a actitude dos retratados...

Aquí tes algúns enlaces para axudarche:

WikiArt
Complete Works

Despois: En DINA3, fai un retrato dun compañeiro ou compañeira de clase (de DEAII, para que eu sexa quen de ver o parecido), ou un autorretrato se prefires, empregando unha ou varias das seguintes técnicas: grafito, carboncillo, lapis de cor (pode ser acuarelable), rotuladores, acuarela e témpera. Usa como inspiración os debuxos de Schiele, non as pinturas (ten que haber predominio da liña sobre a mancha de cor). Data de entrega: martes, 13 de decembro.

Deixo aquí o tipo de debuxos aos que me refiro:








Proxecto Sketchbook (de participación voluntaria)


("Sketch":Boceto, bosquexo, debuxo exploratorio)


Este proxecto desenvolverase ao longo do curso e consistirá na elaboración dun caderno de apuntes de -polo menos- cuarenta follas, nun formato que rondará o DINA5 (pode ser cadrado, apaisado ou vertical), e con papel axeitado para soportar augada (gramaxe de 170 ou máis).


Datas de entrega:31/01/23: 30 páxinas rematadas

19/04/23: 70 páxinas rematadas


Ao longo do curso, irase enchendo de debuxos. As técnicas serán variadas, empregando polo menos as seguintes: debuxo a lapis, tinta (boli de xel), acuarela, tinta con augada e collage (poderanse combinar entre elas). Seguindo as normas dos Urban Sketchers, os debuxos serán (a maioría) do natural, indicando lugar e data en cada un.
O ideal sería que houbese un debuxo diario, pero en todo caso farase un cada dous días. A data de comezo será como moi tarde o 1 de decembro, e servirá como traballo cualificable, na 2ª avaliación substituirá a un dos traballos. Na terceira avaliación entregarase (19 de abril) con 70 páxinas (mínimo) rematadas e servirá como unha das notas de exame.
As primeiras páxinas do sketchbook recollerán -a modo de glosario- debuxos das ferramentas e materiais empregados no libro. Valorarase a experimentación, a variedade temática, a calidade do debuxo e a evolución ao longo das páxinas. Aquí tedes un enlace a máis debuxos do grupo USK_España



 

xoves, 3 de novembro de 2022

2º Exame 1ªAvaliación_ 15 de novembro

 

O exame de apuntes consistirá na elaboración de apuntes de figura (proxectada) de1, 2, 5 e 10 minutos durante a sesión de clase do martes 15 de novembro. Ao remate elixiranse o nº de apuntes indicado pola profesora para seren avaliados. Tamaño dos apuntes: DINA4 (pódese usar bloc DINA4 ou DINA3 indistintamente) Peso deste exame na nota da 1ª avaliación: 20%

Deixo aquí uns enlaces por se queredes practicar:

Poses de home e poses de muller



Traballo 6. Debuxo a tramas con tinta

 

Haberá que entregar dúas prácticas de liña a tinta (boli, plumilla, pluma, rotulador...) en formato DINA3. Data de entrega: Martes, 15 de novembro.

Na primeira lámina, hai que dividir a superficie en catro recadros iguais que haberá que sombrear a base de raiados a man alzada, con liñas rectas e paralelas entre si. No primeiro recadro as paralelas irán nunha única dirección, no segundo haberá paralelas en dúas direccións, no terceiro en tres, e no cuarto, en catro. As liñas (en cada dirección) cubrirán o recadro por completo (e, loxicamente, os recadros quedarán máis escuros cantas máis liñas se crucen para formar a trama).

Na segunda lámina DINA3, en tinta tamén, hai que facer un debuxo libre (bodegón, retrato, paisaxe...) onde o claroscuro sexa resolto a base de tramas de liñas paralelas entre si, como as practicadas na lámina primeira.

Aquí tedes algúns exemplos por se axudan a aclarar o exercicio:




E se quedades con ganas de máis liña, aconsello a seguinte práctica (non obrigatoria, pero si moi aconsellable) para practicar diferentes tipos de tramas a liña:

martes, 25 de outubro de 2022

Traballo 5. Retrato (dun compañeiro/a de debuxo artístico II) ou autorretrato a mancha

Empregando a técnica de retrato a mancha que vimos nas últimas clases, fai un autorretrato (ou o retrato dun compañeiro/a que teña debuxo artístico). O parecido valorarase pero non é o máis determinante, importando máis a expresividade, a composición e o emprego do clarescuro. Podes empregar carboncillo ou/e carbón prensado, goma, esponxa... e non esquezas FIXALO ANTES DA ENTREGA

Tamaño: DINA3

Datas de entrega: 2 e 3 de novembro.

Se queres revisar o titorial que vimos na aula, preme no seguinte enlace.

E deixo tamén este outro titorial do mesmo artista.

A continuación, algúns exemplos desta técnica:











 



luns, 3 de outubro de 2022

AVISO: EXAME DE CARBONCILLO

 O exame de carboncillo da 1ª Avaliación será en formato DINA2 e durará 5 ou 6 sesións a partir do 26/10/22.

Faremos antes unha práctica de carboncillo de catro sesións nun formato menor (DINA3) comezando o 10/10/22. Esta práctica terá a puntuación dun traballo semanal.

Materiais precisos para ambos traballos: papel para carboncillo do tamaño indicado, carboncillos, trapo e fixador/laca.

martes, 27 de setembro de 2022

Traballo 4. Interpretación dunha obra

Interpreta a obra de Jean Auguste Dominique Ingres "A Gran Odalisca" en DINA3 e técnica libre.

 Entrega: o vindeiro martes 18 de outubro

EXEMPLO da interpretación nun curso anterior do "Retrato dunha dama" de Grien (o primeiro cadro)
















Traballo 3. Debuxo analítico / Debuxo sintético

 

Elabora un bodegón con tres ou catro elementos da cociña (cacharros e/ou alimentos). Nun DINA3, usa unha metade para facer un debuxo realista a grafito (traballa con atención a composición, a perspectiva e a valoración do claroscuro). Na outra metade fai unha síntese a tinta (boli, rotulador, plumilla ou pincel) do mesmo bodegón: emprega o menor número de liñas posible para facer recoñecible a imaxe, pero atendendo á expresividade das mesmas. Repite o exercicio noutro DINA3 empregando un punto de vista máis elevado (en total, entregaredes dous DINA3)

Data de entrega: Martes 4 de outubro.

Aquí tedes algúns exemplos: