mércores, 22 de decembro de 2021

PREMIOS DO CERTAME DE DEBUXO DE NATUREZA HÁBITAT

ATENCIÓN: Actualizado a 6 de xaneiro: Nas redes sociais do Grupo Naturalista Hábitat foron  publicados os gañadores de cada unha das 16 especies debuxadas. Entre eles, dez son debuxos de alumn@s de 2º de Bacharelato de Artes do Instituto Adormideras, incluíndo os tres premios:

1º premio: Laura Villa (2ºE)
2º premio: Sabela Iglesias (2ºC)
3º premio: Nuria Beiro (2ºC)

Os demáis gañadores son: Inés Bermúdez, Lucía Sánchez, Andrea Zamarra, Marta Gamito, Luis Iglesias, Rosa Sequera e Álvaro Yáñez.

Noraboa a todas e todos!!!
 
Aquí tedes xa o calendario en pdf

xoves, 9 de decembro de 2021

Traballo 8. Debuxo libre

 Entrega un debuxo a DINA3 e técnica libre do que queiras. O que che guste debuxar, sen límite de temática ou estilo. Data de entrega: luns 10 de xaneiro.

xoves, 2 de decembro de 2021

Proxecto Sketchbook (de participación voluntaria)

 ("Sketch":Boceto, bosquexo, debuxo exploratorio)

Este proxecto desenvolverase ao longo do curso e consistirá na elaboración dun caderno de apuntes de -polo menos- cuarenta follas, nun formato que rondará o DINA5 (pode ser cadrado, apaisado ou vertical), e con papel axeitado para soportar augada (gramaxe de 170 ou máis).


Datas de entrega:
27/01/22: 25 páxinas rematadas

21/04/22: 66 páxinas rematadas


Ao longo do curso, irase enchendo de debuxos. As técnicas serán variadas, empregando polo menos as seguintes: debuxo a lapis, tinta (boli de xel), acuarela, tinta con augada e collage (poderanse combinar entre elas). Seguindo as normas dos Urban Sketchers, os debuxos serán (a maioría) do natural, indicando lugar e data en cada un.
O ideal sería que houbese un debuxo diario, pero en todo caso farase un cada dous días. A data de comezo será como moi tarde o 9 de decembro, e servirá como traballo cualificable, na 2ª avaliación substituirá a un dos traballos (a profesora indicará a cal). Na terceira avaliación entregarase (21 de abril) con 66 páxinas (mínimo) rematadas e servirá como unha das notas de exame.
As primeiras páxinas do sketchbook recollerán -a modo de glosario- debuxos das ferramentas e materiais empregados no libro. Valorarase a experimentación, a variedade temática, a calidade do debuxo e a evolución ao longo das páxinas. Aquí tedes un enlace a máis debuxos do grupo USK_España



 

Traballo de Nadal. Mans e pés

 

Cinco debuxos realistas a grafito en DINA4: tres debuxos da man que non empreguedes para debuxar en posicións de plano (palma ou dorso) puño e escorzo e dous debuxos do voso pé en dúas posicións diferentes. Os debuxos da man deben ser DO NATURAL (non de foto). Para os pés pódese usar a fotografía, se é imprescindible. Cada un dos debuxos ocupará un formato DINA4 completo (unha man nun DinA4, outra noutro...etc)
Data de entrega: Luns, 10 de xaneiro. 

Boas vacacións a todas e todos!!!

xoves, 11 de novembro de 2021

Traballo 7. Retrato á maneira de Egon Schiele

Primeiro, estuda a obra de Egon Schiele, especialmente os seus debuxos. Analiza o tipo de liña que emprega, as cores elixidas e a aplicación das mesmas, a composición dentro do papel, a actitude dos retratados...

Aquí tes algúns enlaces para axudarche:

WikiArt
Complete Works

Despois: En DINA3, fai un retrato dun compañeiro ou compañeira de clase (de DEAII, para que eu sexa quen de ver o parecido), ou un autorretrato se prefires, empregando unha ou varias das seguintes técnicas: grafito, carboncillo, lapis de cor (pode ser acuarelable), rotuladores, acuarela e témpera. Usa como inspiración os debuxos de Schiele, non as pinturas (ten que haber predominio da liña sobre a mancha de cor). Data de entrega: xoves, 25 de novembro.
ESTE SERÁ O ÚLTIMO TRABALLO AVALIABLE PARA A 1ªAVALIACIÓN

Deixo aquí o tipo de debuxos aos que me refiro:








xoves, 28 de outubro de 2021

Traballo 6. Tramas a tinta

 

Haberá que entregar dúas prácticas de liña a tinta (boli, plumilla, pluma, rotulador...) en formato DINA3. Data de entrega: Luns, 15 de novembro.

Na primeira lámina, hai que dividir a superficie en catro recadros iguais que haberá que sombrear a base de raiados a man alzada, con liñas rectas e paralelas entre si. No primeiro recadro as paralelas irán nunha única dirección, no segundo haberá paralelas en dúas direccións, no terceiro en tres, e no cuarto, en catro. As liñas (en cada dirección) cubrirán o recadro por completo (e, loxicamente, os recadros quedarán máis escuros cantas máis liñas se crucen para formar a trama).

Na segunda lámina DINA3, en tinta tamén, hai que facer un debuxo libre (bodegón, retrato, paisaxe...) onde o claroscuro sexa resolto a base de tramas de liñas paralelas entre si, como as practicadas na lámina primeira.

Aquí tedes algúns exemplos por se axudan a aclarar o exercicio:




E se quedades con ganas de máis liña, aconsello a seguinte práctica (non obrigatoria, pero si moi aconsellable) para practicar diferentes tipos de tramas a liña:

sábado, 16 de outubro de 2021

Contidos, procedementos de avaliación e criterios de cualificación.

 


Traballo 5. Interpretación dunha obra

Interpreta a obra de Piero Della Francesca "Díptico dos Duques de Urbino" (temple sobre tabla, 1472) en DINA3 e Técnica libre. Entrega o xoves 4 de novembro. No seguinte enlace podedes ver exemplos de traballos de interpretación doutros anos.

 

 



Traballo 4. Debuxo analítico / Debuxo sintético

Elabora un bodegón con tres ou catro elementos da cociña (cacharros e/ou alimentos). Nun DINA3, usa unha metade para facer un debuxo realista a grafito (traballa con atención a composición, a perspectiva e a valoración do claroscuro). Na outra metade fai unha síntese a tinta (boli, rotulador, plumilla ou pincel) do mesmo bodegón: emprega o menor número de liñas posible para facer recoñecible a imaxe, pero atendendo á expresividade das mesmas. Repite o exercicio noutro DINA3 empregando un punto de vista máis elevado (en total, entregaredes dous DINA3)

Data de entrega: Luns 25 de outubro.

Aquí tedes algúns exemplos:









mércores, 6 de outubro de 2021

Traballo 3. Práctica de cor. Certame de debuxo de natureza "Hábitat"

 

Neste 3º traballo teredes que presentar (como mínimo) dous debuxos a cor, seguindo as bases do certame de debuxo da natureza do grupo Hábitat.

Entrega: luns , 18 de outubro.

  • Formato DINA4 (horizontal ou vertical) en papel Basic ou de acuarela
  • A cor, empregando algunha/s das seguintes técnicas: acuarela, tinta + acuarela, lapis de cores ou rotuladores.

En cada debuxo representaredes de xeito realista a un exemplar das seguintes especies (dous debuxos, dúas especies distintas):

  1. Salamandra salamandra / Píntega

  2. Mustela nivalis / Donicela

  3. Talpa europaea / Toupa

  4. Bombus terrestris / Abellón

  5. Geotrupes stercorarius / Escaravello esterqueiro

  6. Gryllotalpa gryllotalpa / Grilo toupa

  7. Avelaíña da Aceda/ Noctua pronuba

  8. Cornu aspersum / Caracol de xardín

  9. Coturnix coturnix / Paspallás

  10. Turdus philomelos / Tordo común

  11. Alauda arvensis / Laverca

  12. Dactylorhiza elata / Satirión corpudo 

  13. Fragaria vesca / Amorodo

  14. Viola odorata  / Violeta

  15. Clavaria amethystina / Clavaria violeta

  16. Pteridium aquilinum / Fento común

     

Por detrás de cada debuxo, a lapis, deberá indicarse:
  • Nome e apelidos completos do autor/a
  • Título da obra
  • Especie elixida 

Se queredes participar no certame, despois de entregados os traballos na aula, teredes que facer unha inscrición online.

Aquí tedes un enlace ás obras gañadoras do certame do ano pasado.

domingo, 26 de setembro de 2021

Traballo 2: "Para a cama"

 

A tinta (con augadas para traballar o claroscuro) emprega un DINA3 para representar, nunha metade, a apariencia da tua cama. Na outra metade, debuxa cinco obxectos que te acompañen cando chega a hora de ir para a cama.
Data de entrega: 4 de outubro
Aquí hai uns exemplos de traballos anteriores:
















venres, 17 de setembro de 2021

Traballo 1. Nove obxectos cotiáns

Debuxa nove obxectos cotiáns nun DINA3 a grafito, prestando especial atención á valoración de luces e sombras. Entrega: Luns, 27 de setembro (os grupos que non teñan clase nesa data entregarán o traballo na primeira clase de DEAII a partires do día 27)

A continuación podes ver algúns exemplos de traballos de alumnado de anos anteriores: