luns, 28 de outubro de 2019

Traballo voluntario_Scketchbook

Proxecto "Sketchbook"de participación voluntaria





("Sketch":Boceto, bosquexo, debuxo exploratorio)



Este proxecto desenvolverase ao longo do curso e consistirá na elaboración dun caderno de apuntes de -polo menos- cuarenta follas, nun formato que rondará o DINA5 (pode ser cadrado, apaisado ou vertical), e con papel axeitado para soportar augada (gramaxe de 170 ou máis).


Datas de entrega:

27/01/20: 36 páxinas rematadas

23/04/20: 80 páxinas rematadas
Ao longo do curso, irase enchendo de debuxos. As técnicas serán variadas, empregando polo menos as seguintes: debuxo a grafito, tinta (boli de xel), acuarela, tinta con augada e collage (poderanse combinar entre elas). Seguindo as normas dos Urban Sketchers, os debuxos serán do natural, indicando lugar e data en cada un.
O ideal sería que houbese un debuxo diario, pero en todo caso farase un cada dous días. A data de comezo será como moi tarde o 15 de novembro, e servirá como traballo cualificable, na 2ª avaliación substituirá a un dos traballos (a profesora indicará a cal). Na terceira avaliación entregaráse (21 de abril) con 80 páxinas (mínimo) rematadas e servirá como unha das notas de exame.
As primeiras páxinas do sketchbook recollerán -a modo de glosario- debuxos das ferramentas e materiais empregados no libro.



xoves, 24 de outubro de 2019

Traballo 6. Exame PAU 2010

Traballo 6. Exame PAU Xuño2010. Opción1, exercicio 1.
Realizar un debuxo onde interveñan como mínimo tres elementos dun taller mecánico, elixidos de entre os seguintes: caixa de ferramentas, tarro de pintura, roda dun coche e cono de situación. Un dos obxectos deberá estar solapado e todos estarán dispostos nunha superficie horizontal. A organización do debuxo e a súa composición fundamentaranse na situación espacial dos obxectos, nas súas proporcións e nas relacións de claroscuro. DINA3. Grafito

Data de entrega: luns, 4 de novembro

luns, 21 de outubro de 2019

Traballo 5. Debuxo Analítico / Síntese

Traballo 5: Elabora un bodegón con tres ou catro elementos da cociña (cacharros e/ou alimentos). Nun DINA3, usa unha metade para facer un debuxo realista a grafito (traballa con atención a composición, a perspectiva e a valoración do claroscuro). Na outra metade fai unha síntese a tinta (boli, rotulador, plumilla ou pincel) do mesmo bodegón: emprega o menor número de liñas posible para facer recoñecible a imaxe, pero atendendo á expresividade das mesmas. Repite o exercicio noutro DINA3 empregando un punto de vista máis elevado.    Data de entrega: Luns 28 de outubro.


Aquí están algúns dos vosos traballos:

























mércores, 2 de outubro de 2019

Traballo 4. Práctica de cor. Certame Hábitat

Para o cuarto traballo, teredes que presentar (como mínimo) dous debuxos a cor, seguindo as bases do certame de debuxo da natureza do grupo Hábitat.
Entrega: luns , 14 de outubro.

  • Formato DINA4 (horizontal ou vertical) en papel Basic ou de acuarela
  • A cor, empregando algunha/s das seguintes técnicas: acuarela, tinta + acuarela, lapis de cores ou rotuladores.
En cada debuxo representaredes a un exemplar das seguintes especies:

  1. Discoglosus galganoi / Sapiño pinto
  2. Saxicola rubicola / Chasco
  3. Cisticola juncidis / Carriza dos xuncos
  4. Microtus agrestis / Trilladeira dos prados
  5. Tiphaeus typhoeus / Minotauro
  6. Cardamine pratensis / Berro dos prados
  7. Anthocharis cardamines / Aurora común
  8. Lichnis flos-cuculi / Flor do cuco
  9. Episyrphus balteatus / Sirfido
  10. Apis mellifera / Abella
  11. Lumbricus friendi / Miñoca
  12. Anguis fragilis / Escáncer
  13. Asio flammeus / Curuxa das xunqueiras
  14. Linum bienne / Liño
  15. Vulpes vulpes / Raposo
  16. Lotus pedunculatus / Zoquiños
Por detrás de cada debuxo, a lapis, deberá indicarse:

  • Nome e apelidos completos do autor/a
  • Título da obra
  • Especie elixida 
Se queredes participar no certame, despois de entregados os traballos na aula, teredes que facer unha inscrición online, déixovos aquí o enlace ás Bases do Certame e ao Formulario de Inscrición.

Déixovos un enlace aos traballos gañadores dunha edición anterior .